Galicia segue a medrar no que as súas vendas ao exterior se refire. Unha tendencia que xa comezou a reflectirse nos últimos meses do ano 2020, e que se consolida neste exercicio. De tal feito que, como amosan os últimos datos dispoñibles, as exportacións galegas veñen de acadar, entre xaneiro e agosto, un récord histórico no acumulado destes primeiros oito meses de 2021.
En concreto, durante este período as vendas ao exterior da Comunidade rozan os 15.000 millóns de euros, o que se supón un incremento de case o 23% con respecto ao mesmo período do ano pasado, situando a Galicia un punto por riba da media estatal. Deste xeito, as exportacións galegas superan nun 3% o rexistro do 2018, e nun 6,4% o do 2019, os mellores anos ata o de agora.
Así mesmo, cómpre destacar que só en agosto as vendas noutros mercados fóra da Comunidade ascenderon ata os 1852 millóns de euros, o que supón un aumento de máis de vinte puntos con respecto ao mesmo mes de 2020.
Estas cifras permiten a Galicia manter en positivo a súa balanza comercial, que arroxa un superávit por sexto mes consecutivo, acadando un total acumulado de máis de 2328 millóns entre xaneiro e agosto. En contraste, o saldo estatal amosa un dato negativo na súa serie histórica.
Por outra banda, nestes oito primeiros meses de 2021, o número de empresas exportadoras galegas alcanzou as 7340, o que supón un incremento de 1670 firmas (29,5%) con respecto ao mesmo período do ano pasado, e un crecemento de 1620 (28,3%) en relación ao 2019, antes da pandemia da covid-19.
Así mesmo, e no tocante ás industrias, a automoción segue a amosar cifras positivas no acumulado do ano, cunha cifra récord que supera os 4463 millóns.
Pola súa banda, entre os sectores que están detrás do ascenso das exportacións no acumulado dos oito primeiros meses figuran o téxtil, que medra un 13,6% con respecto ao mesmo período de 2020; o agroalimentario, que o fai nun 8,3%; e o metalmecánico, cun 13,3%.
