Galicia supera os 40 doantes por millón de habitantes


O Servizo Galego de Saúde acadou, o pasado ano, unha cifra de 112 doazóns de órganos e realizou 298 transplantes de órganos nos seus hospitais, uns datos moi destacables tendo en conta a actual situación de pandemia.
Do total de transplantes, 140 foron de ril, dos cales 25 procedían de doante vivo; 85 de fígado; 1 de páncreas; 24 de corazón e 48 de pulmón. A cifra de transplantes de pulmón foi a segunda máis alta en Galicia desde o comezo do programa no ano 1999, cunha taxa de 17’8, o que supera en dez puntos a media nacional. Salientar que, desde que se realizou o primeiro transplante de órganos no ano 1981, e ata o 31 de decembro de 2021, nestes 40 anos fixéronse en Galicia 8.921 transplantes.

A Coordinación Autonómica de Transplantes de ADOS continuou a desenvolver, ao longo do pasado ano, o programa de formación especializada en doazón e transplante de órganos para os profesionais do sistema público de saúde de Galicia, mediante o desenvolvemento de seminarios de comunicación de malas noticias no proceso de doazón, con formación a 28 profesionais sanitarios; e cursos sobre proceso de doazón e transplantes onde xa se levan formados a máis de 3.000 profesionais en 110 cursos.