Galicia segue a recuperar os resultados positivos das súas vendas ao exterior, ata o punto de que xa logra, nos dez primeiros meses do ano, superar por quinto exercicio consecutivo, os 20.000 millóns de euros en exportacións.
En concreto, e tal e como amosan os últimos datos dispoñibles publicados polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, as exportacións galegas aumentaron, entre xaneiro e outubro, nun 22,8%, ata acadar os 20.600 millóns. Deste xeito, supéranse tamén os niveis previos á pandemia da covid-19 cunha suba de preto do 13% fronte ao mesmo período de 2019.
Ademais, a porcentaxe de incremento das exportacións da Comunidade nestes dez primeiros meses de 2021 sitúanse case dous puntos por riba da media estatal, que experimenta unha suba do 21,1%. Galicia é así a quinta comunidade cun mellor comportamento das exportacións no que vai de ano, e conta coa mellor balanza comercial, cun saldo favorable próximo aos 4400 millóns de euros entre as exportacións e as importacións contabilizadas entre xaneiro e outubro, mentres que en España a balanza continúa en números vermellos.
No que respecta aos datos interanuais de outubro, as vendas ao exterior aumentaron este mes un 65,4% con respecto a outubro do ano pasado, superando nesta ocasión os 3672 millóns de euros en exportacións nun mes. Deste xeito Galicia é a comunidade que experimenta un maior incremento das exportacións no décimo mes do ano, cunha suba case cinco veces maior que a media estatal. Así, no conxunto do Estado o crecemento neste mes con respecto ao mesmo período do ano pasado sitúase nun 13,6%.
No tocante ás empresas exportadoras, de xaneiro a outubro alcanzáronse as 8.347, o que supón un 29,5% máis que no mesmo período de 2019.
Pola súa banda, entre os sectores que están detrás do ascenso das exportacións no acumulado dos dez primeiros meses figuran a automoción, cun incremento do +13,1% con respecto ao ano pasado, o naval, cunha suba do +60,5%, e os metais e a industria metalúrxica, cunha suba do 49,5%.
Por países, todos os estados cos que o peso do comercio galego é significativo, aumentan, producíndose, no marco da Unión Europea, os maiores ascensos nos tres principais compradores: Francia (+10,1%), Portugal (+16,7%) e Italia (+34,4%).