Galicia terá como festivos propios para 2024 o 17 de maio e o 25 de xullo

1 minutes read

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, deu conta do calendario laboral de Galicia para o próximo ano 2024 e do que adiantou que se fixan como festivos propios os días das Letras Galegas (17 de maio) e o Día Nacional de Galicia (25 de xullo), “que son os mesmos que determinamos este ano”, lembrou.

Rueda explicou que a normativa estatal establece as 14 festas anuais de ámbito nacional non recuperables, remuneradas e de carácter obrigatorio. Segundo espeficou, destes 14 festivos, dous son locais, ao ser elixidos por cada concello. Dos outros 12 restantes, nove son de carácter obrigatorio e non substituíbles, a non ser que coincidan en domingo: 1 de xaneiro, Venres Santo (29 de marzo en 2024), 1 de maio, 15 de agosto, 12 de outubro, 1 de novembro, 6 de decembro, 8 de decembro e 25 de decembro. No ano 2024 hai un festivo nacional de carácter obrigatorio que coincide en domingo: o 8 de decembro (Inmaculada Concepción), que Galicia propón substituír polo 17 de maio, día das Letras Galegas.