Galicia terá un comité clínico de cirurxía robótica

1 minutes read

Estará pensado para a normalización, coordinación e seguimento da utilización dos robots cirúrxicos Da Vinci. Este Comité estará integrado por 18 persoas, entre as que haberá representantes de cada unha das áreas cirúrxicas susceptibles de realizar a maior parte da actividade con este equipamento: cirurxía xeral, xinecoloxía, uroloxía e otorrinolaringoloxía; así como as persoas que desempeñen funcións relativas á organización da actividade cirúrxica nas sete áreas sanitarias.

O principal cometido deste Comité será deseñar os criterios e protocolos de utilización destes sistemas robóticos, para garantir un desenvolvemento progresivo e homoxéneo no emprego desta tecnoloxía en todo o Servizo Galego de Saúde. O obxectivo é definir uns indicadores de calidade en canto a resultados e acordar a porcentaxe de tempo de uso destes equipos que corresponderá a cada especialidade para que sexa igual nas sete áreas sanitarias.

Outras funcións do Comité serán a de asesorar nas materias que incidan directamente na actividade dos Da Vinci, propoñer criterios comúns para a elaboración dos correspondentes protocolos de actuación de forma que se garanta aos pacientes a equidade nesta prestación, así como presentar as medidas de mellora da organización, funcionamento e calidade no uso dos robots. Ademais tamén promoverá estratexias formativas para o uso destes equipamentos por parte dos profesionais e servirá de canle permanente de colaboración, comunicación e información entre os distintos hospitais e outros axentes implicados na xestión desta prestación.