Galicia terá un novo plan contra o cancro

Será coa participación de distintos profesionais sanitarios, da Consellería de Sanidade, outras institucións e axentes implicados e contando cos pacientes. Así o destacou o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, no acto de inauguración do IV Simposio de Biopsia Líquida, coordinado polo doutor Rafael López, xefe do Servizo de Oncoloxía do Hospital Clínico Universitario de Santiago.

Está previsto que este Plan galego contra o cancro inclúa unha memoria e dotación económica para levalo a cabo, conseguindo aumentar as curacións, e acadando o obxectivo do 70% proposto pola Asociación Española contra o Cancro.

O conselleiro destacou que unha das liñas estratéxicas do Sergas é, sen dúbida, a correcta e rápida atención aos pacientes oncolóxicos e, nestes momentos, hai implantadas en Galicia vías rápidas para a atención dos procesos máis frecuentes como son o de mama, colon, próstata, pulmón, vexiga, cabeza e colo, así como melanoma, das que no 2019 se beneficiaron 17.756 pacientes.