A Comunidade galega viviu un mes de outubro frío e con precipitacións que se quedaron en valores moi próximos á normalidade. Así se desprende do avance do último informe climatolóxico de MeteoGalicia, que conclúe que en comparación cos valores das estacións máis representativas da comunidade no período histórico de referencia, este outubro foi o máis frío desde o ano 2008.
A tónica xeral en Galicia ao longo de todo o mes foi a entrada de sucesivas borrascas, de xeito intermitente pero con moita actividade. Así, outubro arrancou o día 2 co paso de Álex, que deixou na Comunidade galega fortes refachos de vento, chuvia e a entrada de aire frío que mesmo provocou a primeira nevarada do outono en cotas altas.
Na segunda quincena, a borrasca Bárbara volveu deixar outro episodio de fortes ventos e precipitacións xeneralizadas en toda a comunidade, concretamente durante o 19 e o 20 de outubro, e a finais de mes Galicia viuse afectada pola influencia dunha gran borrasca localizada ao sur de Islandia e resultante do encontro dos restos do furacán Épsilon e unha borrasca de orixe polar.
En cambio, entre os días 7 e 12 de outubro, a Comunidade galega viviu un período marcado pola influencia anticiclónica, con xornadas de tempo seco e cálido, nas que se produciu un ascenso xeneralizado das temperaturas.
Este comportamento explica que o mes rematara cunha anomalía media da temperatura de 0,69 graos por debaixo do habitual, de xeito que outubro poda considerarse frío se se compara cos valores medios das estacións máis representativas durante o período histórico de referencia 1981-2010.
En todo caso, houbo unha gran diferencia entre o comportamento no terzo norte e no resto da Comunidade galega. Así, no primeiro caso as temperaturas medias rexistradas mesmo acadaron anomalías positivas (0,8 graos máis do habitual), mentres que no resto do territorio o mes resultou frío en xeral, con valores ata 2,4 graos por debaixo do agardado nas zonas da alta montaña ourensá, incluída tamén a Serra do Xurés.