Galicia xa conta con 41 entidades adheridas á Alianza polo Clima

1 minutes read

Galicia avanza na loita contra o cambio climático con 41 entidades adheridas xa á Alianza polo Clima e como membro activo da Misión de Adaptación da Unión Europea, segundo puxo en valor a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, durante a sinatura do convenio de adhesión de Congalsa a esta iniciativa.

Logo de salientar que á Alianza Galega polo Clima xa se uniron universidades, autoridades portuarias, clubes deportivos, empresas e outras entidades, Ángeles Vázquez incidiu en que o apoio de Congalsa suporá un “avance moi importante” para poñer á Comunidade na vangarda fronte ao quecemento global e as súas consecuencias.

Esta Alianza supón asumir as liñas estratéxicas marcadas polo Goberno galego nesta materia e unha serie de deberes como establecer accións dirixidas á adaptación ou mitigación do cambio climático en Galicia; fomentar o intercambio de información científica, tecnolóxica, socioeconómica ou xurídica sobre este tema; promover e apoiar a investigación vinculada ao clima, e acelerar o desenvolvemento e a difusión de tecnoloxía para a transición cara a sistemas de enerxía de baixas emisións.