‘Galiza: un pobo, unha selección’ aproxima o deporte galego nacional a Carballo

Exposición Vía Galega_Concello de Carballo

  • Está instalada na biblioteca Rego da Balsa, onde poderá visitarse ata o día 28

A biblioteca Rego da Balca acolle desde este luns a exposición ‘Galiza: un pobo, unha selección’, da Plataforma Vía Galega. Á inauguración da mesma acudiron o coordinador de Vía Galega, Anxo Louzao; o concelleiro de Deporte e Cultura, Marcos Trigo; e o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero.

A mostra, que poderá visitarse ata o 28 deste mes, está composta por vinte paneis nos que se fai un percorrido polo pasado, o presente e o futuro do deporte galego e as súas reivindicacións a favor das seleccións nacionais galegas, ademais da necesidade de que o pobo galego teña representación de seu na esfera internacional. «Temos os exemplos de Gales ou Escocia, e aquí en Galiza o do fútbol gaélico, que compiten internacionalmente. No deporte somos unha potencia. Nos xogos olímpicos brillamos con luz propia, e a pesares das seis medallas e nove diplomas, Galiza non existiu: non puido exhibir a súa bandeira nin soou o seu himno», argumentou Anxo Louzao. O representante de Vía Galega reivindicou o dereito a que un deportista «cando gaña poida exhibir a súa bandeira e poida escoitar o seu himno».

A exposición encádrase nunha campaña a favor das seleccións deportivas galegas pero que tamén pretende fomentar os deportes populares e a galeguización do deporte, ademais de impulsar a igualdade de xénero.

‘Galiza: un pobo, unha selección’ percorrerá un total de 35 vilas e cidades galegas e compartirá protagonismo cunha revista e un xornal promovidos tamén por Vía Galega, unha canción con letra de Bieito Lobariñas e un vídeo no que figuran diversos deportistas galegos de recoñecemento internacional como Fernando Vázquez, Eva Castro ou Xulia Vaqueiro, entre outras.

O alcalde de Carballo lembrou que o concello foi escenario de competicións como o Torneo 4 nacións, que instou á federación galega a recuperar, ou o partido de balonmán Galicia-Arxentina. «O deporte une, impulsa e identifica, e nestes tempos sería importante que o sentido de pertenza se puidese manifestar a través do deporte», afirmou o rexedor.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha