Gardacostas amplía a súa frota con tres novos vehículos


O Servizo de Gardacostas de Galicia, dependente da Consellería do Mar, incorporou tres novos vehículos á súa frota para labores de vixilancia, inspección e loita contra o furtivismo. Estes turismos serán empregados tamén para aqueles traballos que se realicen por terra en materia de busca e salvamento marítimo e tamén na loita contra a contaminación. O subdirector xeral do Servizo de Gardacostas, Lino Sexto, recepcionou este venres os tres vehículos nun concesionario en Santiago.

Estes tres coches permiten ampliar a frota do organismo e a previsión é destinar un a cada unha das tres provincias costeiras da comunidade. A incorporación destes vehículos complementa a renovación realizada o ano pasado en parte da frota do Servizo de Gardacostas, que supuxo a posta en servizo de preto dunha vintena de coches que foron distribuídos entre as unidades operativas que Gardacostas ten polo litoral de Galicia e os servizos centrais.