Gardacostas comisa preto de 2000 cacharros e máis de 160 quilos de polbo na Guarda


Axentes do Servizo de Gardacostas de Galicia, dependente da Consellería do Mar comisaron nos últimos días 1950 cacharros de polbo –aparellos cuxa utilización está prohibida na comunidade– que contiñan, en total, 166 quilos deste cefalópodo. Este operativo, realizado en augas exteriores á altura da Guarda, enmárcase no conxunto dos controis que efectúan diariamente os gardacostas para evitar a extracción e comercialización ilegal de produtos pesqueiros e marisqueiros.
Cabe recordar que a veda desta especie está en vigor desde o pasado 20 de maio e rematará o vindeiro 4 de xullo ás 05.00 horas, polo que está expresamente prohibida a súa captura durante todo este tempo coa finalidade de axustar a xestión pesqueira ao seu ciclo de vida e así protexer a súa reprodución, ao tempo que se contribúe a unha explotación máis sustentable. Ademais, a Consellería do Mar lembra á cidadanía que o consumo de marisco extraído e comercializado de xeito ilegal poder supor un risco para a saúde ao non ter pasado ningún tipo de control que o avale. Por iso pide ao consumidor que non compre produto fóra das vías legais de comercialización.