Gardacostas e Garda Civil comisan máis de 2.500 quilos de sardiña en Porto do Son

Foto.- Archivo.

Axentes do Servizo de Gardacostas de Galicia, dependente da Consellería do Mar, e do Servizo Marítimo da Garda Civil comisaron máis de 2.500 quilos de sardiña que carecía da documentación necesaria para garantir a súa trazabilidade nun operativo conxunto desenvolvido no concello de Porto do Son. As capturas foron desembarcadas -sen pesar nin declarar en lonxa- no peirao de Porto do Son por un cerqueiro que non estaba autorizado para o desembarque nese porto e que volveu ao mar inmediatamente despois de descargar o peixe.

A coordinación entre os axentes do Servizo de Gardacostas e da Garda Civil permitiu que o vehículo que cargou a mercadoría fose interceptado uns minutos despois na estrada AC-550 á altura de Boa (Noia), momento no que se verificou que a sardiña estaba a ser transportada sen ningún tipo de documentación. Os axentes procederon posteriormente ao pesado do peixe na lonxa de Portosín e comprobaron que eran 2.559,5 quilos de sardiña que carecían da documentación necesaria para garantir a súa trazabilidade. Por este motivo, a mercadoría foi comisada e entregada ao Banco de Alimentos de Santiago.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha