Axentes do Servizo de Gardacostas de Galicia, dependente da Consellería do Mar, requisaron nun operativo desenvolvido en varios puntos da contorna de Camariñas máis de 100 quilos de centola, lumbrigante e nécora que foran extraídos de xeito irregular. Nos controis realizados nos pantaláns de Santa Mariña, Arou, Camelle e Camariñas os efectivos do ente autonómico localizaron arredor de 78 quilos de centola, 22 de nécora e preto de 10 de lumbrigante que estaban fondeados en cinco salabardos sen identificar, polo que tampouco se identificou a ningunha persoa como responsable da súa captura.
No caso da nécora e do lumbrigante, trátase de especies que nestes momentos se atopan en veda mentres que os exemplares de centola, así como os de lumbrigante, eran todos femias e estaban ovados, o que supón un incumprimento da Lei de Pesca de Galicia, que establece que a captura de especies ovadas ou de talle ou peso inferior ao establecido non está permitida. As especies comisadas estaban vivas, polo que os axentes procederon a devolvelas ao seu hábitat natural mediante unha solta en mar aberto. Ante casos coma este, a Consellería do Mar lembra á cidadanía que o consumo de produtos do mar extraídos e comercializados de xeito irregular pode supor un risco para a saúde ao non ter pasado ningún tipo de control que o avale. Por iso, pide aos consumidores que non merquen produto fóra das canles legais de comercialización.