Gazprom pecha aínda máis a billa do gas ruso a Europa


O xigante gasista ruso anunciou que reducirá a súa capacidade de subministración de gas a Europa a través do gasoduto Nord Stream ata os 67 millóns de metros cúbicos diarios. Xustifica a decisión alegando problemas técnicos nunha estación de compresión de Portovaya, na rexión de Leningrado.

Segundo a empresa, Siemens non entregou os equipos de bombeo reparados a tempo, superáronse os prazos do servizo técnico e detectáronse fallos técnicos nos motores. Polo tanto, o número de unidades compresoras en Portovaya reduciuse a tres.

O grupo tecnolóxico e industrial alemán Siemens anunciou a mediados de maio a súa saída do mercado ruso como consecuencia da guerra de Ucraína e comezou a suspender as súas operacións e actividades industriais.