- A doazón realízase en nome dun grupo de carballeses que se dedican altruistamente á súa confección.
Esta medida enmárcase dentro do plan que Vieiro está a tomar dentro do seu protocolo de autoprotección, adaptando as súas instalacións con biombos protectores e os Epis correspondentes para a posta en marcha dos seus servizos presenciais, para salvagardar ao seu persoal e directivos. Esta achega das pantallas son un complemento aos medios xa adquiridos por Vieiro.
Germán manifesta que «esta iniciativa sae dos veciños de Carballo. Esta idea de colaboración naceu de xente anónima do noso pobo que de forma desinteresada púxose en contacto comigo. Detrás da elaboración destas pantallas só hai persoas que viven en Carballo e que posúen unha impresora 3D e que unicamente lles move a solidariedade coa nosa comarca.

Carolina e Victor, estupenda parella nova, ela embarazada e na casa non para coa impresora. Primitivo, da milagrosa que tendo unha pequena impresora colabora infatigable. Cesar, do centro de Carballo que sendo xubilado de Repsol, encandeame pola súa vontade e constancia milimétrica. Maker Store, preto de correos, de Ana e Abel que, a pesar que non ter plástico, conségueno onde sexa. Marga que desde Labañou aconséllanos nos deseños e tantos outros veciños do noso pobo que colaboran e non queren que os mencione. Esta corrente altruísta é espontánea e aínda que se dea noutros lugares, eu vivo en Carballo e emocióname día a día observar a solidariedade do noso pobo», di Germán.