Gestagua, concesionaria do ciclo integral da auga en Carballo, convértese na primeira empresa española auditada e certificada por AENOR segundo os novos requisitos da norma UNE-ISO 50001 Sistema de Xestión da Enerxía.
Esta norma baséase no principio “medir para identificar, e identificar para mellorar”, establecendo un sistema de xestión enerxético que fai posible o uso eficiente da enerxía requirida polas instalacións xestionadas por Gestagua en dous concellos: Carballo e Madridejos.
Este xoves celebrouse na Casa do Concello o acto de entrega do certificado por parte do director da delegación occidental de Aenor, Martín Pita, a Gonzalo Murillo, director de explotacións de Gestagua. No acto participaron tamén, por parte da empresa concesionaria, José Rey, delegado da zona norte; Benigno López, xefe da explotación de Carballo; Julio Fernández, director de comunicación; Alba Vidal, responsable de calidade e medio ambiente, e María Esteban, responsable de márketing e comunicación. En representación do Concello de Carballo asistiron o alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas.