Asinado o contrato de execución do proxecto dos accesos á praia de Caión

O alcalde do Concello da Laracha, José Manuel López Varela, e o representante da empresa Gestal y López S.L., formalizaron o contrato de execución do proxecto que suporá a mellora dos accesos á praia de Caión desde a Avenida da Laracha. O Concello acordara coa empresa aprazar o inicio das actuacións ata despois do verán e as Festas dos Milagres. Agora, unha vez completada a tramitación administrativa, nos próximos días comezarán a desenvolverse as obras previstas.

O proxecto inclúe tanto a mellora dos itinerarios para viandantes como do ámbito de circulación dos vehículos. Así, a plataforma da calzada será ampliada para poder dispoñer de dous carrís diferenciados, un por cada sentido de circulación. Deste xeito facilitaranse as comunicacións tanto en dirección de entrada ao areal como de saída, evitándose desviar o tráfico polo núcleo de A Pedreira en temporada alta e, por tanto, resolvendo as molestias que iso supoñía para a veciñanza desa zona. Tamén se contempla a sinalización horizontal e vertical para reforzar a seguridade viaria en todo o ámbito.

Ademais, crearase un espazo peonil de 250 metros de lonxitude que conectará coa beirarrúa existente na Avenida da Laracha, dándolle continuidade ata a praia, o que suporá unha mellora substancial dos accesos a pé.

O proxecto está valorado en 75.309,58 euros e será cofinanciado entre o Concello da Laracha e a Deputación da Coruña. Para poder levar a cabo esta actuación o Concello adquirira previamente os terreos afectados pola actuación.