Blas García inicia en Boiro as visitas aos parques de bombeiros comarcais da provincia da Coruña

O deputado responsable da área de Promoción Económica da Deputación da Coruña, Blas García, visitou este martes o parque comarcal de bombeiros de Boiro, un dos dez que xestiona na provincia da Coruña o Consorcio Provincial Contraincendios, integrado ao 50% pola Deputación e a Xunta de Galicia, e presidido polo titular da institución provincial coruñesa, Valentín González Formoso.

Acompañado do alcalde de Boiro, José Ramón Romero (Martiño), do tenente alcalde, José Luis Ruíz, e do xerente do Consorcio, Luis Barca, o deputado conversou cos bombeiros e coñeceu as instalacións, equipamentos e funcionamento do parque, que dende hai 15 anos presta servizo (xunto co subparque de Ribeira) a máis de 102.500 habitantes nos concellos de Boiro, A Pobra, Rianxo, Ribeira, Porto do Son, Noia, Lousame, Outes e Dodro, unha área de intervención cunha extensión de máis de 600 quilómetros.

Blas García afirmou que esta primeira visita enmárcase nunha rolda que realizará polos dez parques comarcais de bombeiros da provincia da Coruña “para coñecer de primeira man o funcionamento e necesidades” do servizo de emerxencias.

O deputado agradeceu o “bo traballo” e a “profesionalidade” dos 18 bombeiros (1 sarxento, cinco cabos e doce bombeiros) que traballan no parque boirense, xunto cos 12 de Ribeira, para atender as emerxencias, accidentes e incendios que se produzan nos nove concellos que forman parte da súa área de intervención e sostivo que o Consorcio segue avanzando nos trámites necesarios para implantar a xestión directa do servizo a partir do 1 de xaneiro de 2020.