Galicia recibirá 10,7M€ de fondos europeos para a modernización da Xustiza

O Goberno central aprobou as asignacións ás comunidades autónomas dos fondos de Xustiza ao abeiro do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia dos fondos europeos Next Generation, dos que se destinará a Galicia 10,7 millóns de euros. Así se acordou na conferencia sectorial de Xustiza entre o Ministerio de Xustiza e as comunidades autónomas na que participou a secretaria xeral técnica da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, Elena Muñoz.

No encontro, o Ministerio de Xustiza comprometeuse a liberar os fondos no próximo mes de xuño. Os fondos asignaranse para este exercicio de 2022 e o de 2023, polo que antes de finais de 2023 a Xunta terá de prazo para comprometer os proxectos e executalos antes de finais de novembro de 2025.

Dos fondos Next Generation que recibirá Galicia neste ámbito, destacan os 4,6 millóns de euros que van destinados á aplicación do Proxecto Cero para mellorar a interoperabilidade dos elementos dixitais comúns. En concreto, investiranse en melloras da infraestrutura tecnolóxica e na posta en marcha de proxectos de ciberseguridade e de textualización para transcribir a texto actuacións gravadas en audio.

Ademais, a través do Proxecto 6 de inmediación dixital investiranse máis de 1,2 millóns de euros co obxectivo de levar a cabo iniciativas autonómicas, que no caso de Galicia inclúen avances na gravación de actos procesuais, servizos dixitais para a atención á cidadanía e automatización das solucións dixitais prestadas pola Administración de Xustiza, así como sistemas de xestión do persoal empregado público. 

Outros 3,4 millóns de euros tamén se investirán na posta en marcha de sistemas de xestión procesal que sexan interoperables no ámbito xudicial e con outros colectivos que se relacionen coa Administración de Xustiza, e entre outras partidas, tamén haberá fondos para a creación dun espazo co que xerar e intercambiar información e datos.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha