Goberno, patronal e sindicatos acordan a reforma laboral

1 minutes read

As patronais CEOE e Cepyme e os sindicatos UXT e CC.OO. ratificaron este xoves a última proposta do Goberno sobre a reforma laboral, que será aprobada o vindeiro martes no Consello de Ministros despois de nove meses de intensas negociacións cun único obxectivo: acabar coa temporalidade en España, un dos lastres do mercado laboral, tal como se acordou con Bruxelas para antes de final de ano. “É un día histórico para os traballadores e traballadoras do noso país”, sinalou a vicepresidenta segunda e ministra de Traballo, Yolanda Díaz, quen agradeceu á patronal e aos sindicatos «as horas dedicadas» para alcanzar este acordo e recalcou que os axentes sociais «están á altura das circunstancias». O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, nunha mensaxe na súa conta de Twitter sinalou «cumprimos. Hoxe avanzamos cara a un modelo de relacións laborais do século XXI. Facémolo coa bandeira do acordo e o diálogo». «Queremos traballos e soldos dignos, que garantan os dereitos de todos e todas», reivindicou.