Gómez Besteiro será o candidato do PSdeG á presidencia da Xunta

1 minutes read

O deputado no Congreso e precandidato ás primarias do PSdeG-PSOE, José Ramón Gómez Besteiro, acudiu este mércores para presentar os seus avais para ser o candidato socialista á presidencia da Xunta e superou as 3.000 firmas. O mínimo requirido para ser confirmado como aspirante era de 615 e o máximo, de 1.024, co que quintuplica os apoios que necesitaba. Besteiro quixo levar presencialmente estas firmas á sede do Pino como sinal de “agradecemento” ás persoas que o apoiaron neste proceso de primarias.

«Quería traelos porque é unha forma de agradecer á moitísima xente que me concedeu o aval para presentarme como candidato á presidencia da Xunta” e porque, lembrou, “o aval é unha declaración pública de que un está e apoia un candidato”. Rematado o prazo, ningún outro candidato presentou os avais necesarios. Polo tanto, José Ramón Gómez Besteiro, será o aspirante socialista á presidencia da Xunta sen necesidade de ir ás primarias.