González Formoso dedica a Mostra do Encaixe de Camariñas Deputación da Coruña aos profesionais de sanidade, transporte e servizos


O Concello de Camariñas, coa colaboración da Deputación da Coruña, organiza a primeira edición da Mostra do Encaixe de Camariñas Deputación da Coruña vía online. O evento, que cumpre 30 anos, celébrase desde o mércores 8 ata o domingo, 12 de abril, no Facebook da Mostra (@mencaixedecamarinas), onde se colgarán os contidos seguindo a programación.

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, nun video emitido a través da redes sociais da Mostra, festexou a continuidade do evento, que se adapta ás circunstancias levándose a cabo “dunha maneira inédita”.

González Formoso destacou na súa intervención na apertura da ‘Mostra Virtual’ que “se a inauguración fose nun momento convencional estaríamos celebrándoo por todo o alto, porque 30 anos reivindicando o papel da muller na Costa da Morte en Galicia, un oficio que deu de comer a moitas familias e que deu a coñecer este lugar e Galicia por todo o mundo non é calquera cousa”, recalcou o presidente do ente provincial.

O presidente provincial amosou na súa intervención a gratitude e agarimo da Deputación a todos os colectivos que están a participar no evento desde os seus fogares. Tamén enviou “un enorme recoñecemento por parte de todos os que participamos nesta Mostra a todo o mundo hospitalario e dos servizos, que están dando o mellor de si mesmos para que poidamos continuar como sociedade, mantendo a esperanza do futuro”, agradeceu. “A Mostra e a súa celebración encerran a esencia do mellor de nós mesmos e a esperanza que alumea o futuro na Costa da Morte, en Galicia e na provincia da Coruña”.

A ‘Mostra Virtual’ contará cunha estrutura parecida á que tería o seu calendario habitual, incluíndo as seguintes franxas: Grandes Deseñadores, Deseñadores moz@s, Artencaixe, Pequencaixe, Xuntanzas Palilleiras, Delegacións Internacionais, Empresas, Artistas, Voluntarios, Stands e Medios de Comunicación.