O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, enviou este mércores unha carta ao presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, solicitando que a administración estatal e a autonómica, xunto coas catro deputacións galegas e a FEGAMP, creen un grupo de traballo para «coordinar todos os plans, recursos e medidas das administracións no ámbito do emprego e o apoio a pemes e autónomos para que estas poidan chegar ao máximo número de cidadáns».
Na súa misiva, o presidente da Deputación da Coruña afirma que «o impacto económico da pandemia do Covid-19 levará consigo que todas as administracións fagamos un importante esforzo para reorientar os recursos públicos a favor da reactivación económica de Galicia e da protección aos sectores máis desfavorecidos da sociedade» e apela, unha vez máis, á necesidade de «traballar unidos na inmensa tarefa de reconstrucción social e económica do noso país».