Gonzalo Bernardos, convidado estrela da nova edición do ‘Work Party’ de Axober

Imagen de archivo del 'Work Party 2019'_Axober

O evento será o 5 de novembro, ás 19:00 horas, vía online

A Asociación de Xóvenes Empresarios de Bergantiños (Axober) volve adaptar o ‘Work Party’ a unha situación marcada pola pandemia. A pesar de que as restricións se foron suavizando pouco a pouco, a entidade decidiu realizar unha xuntanza online baixo un tema concreto: ‘A economía das empresas despois da Covid’. Será o próximo 5 de novembro, ás 19:00 horas. Falarase da situación económica actual e das previsións a curto e medio prazo, dos Fondos de Recuperación Europeos ou da saída dos ERTES que «non serán viables despois da pandemia», remarcan desde Axober.

O convidado estrela desta edición é Gonzalo Bernardos Domínguez, profesor titular de Economía na Universidade de Barcelona, analista e colaborador habitual en programas televisivos como Al Rojo Vivo ou La Sexta Noche.

A ‘Work Party’ tamén contará coa presenza do alcalde Carballo, Evencio Ferrero; do concelleiro de Promoción Económica e vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira; e do propio presidente da entidade, Isidro Varela.

O xornalista Luis Fraga será o moderador do acto que se emitirá simultaneamente a través da páxina de Facebook da asociación e a súa canle de Youtube. O público poderá realizar os seus comentarios en directo ou ben envialos previamente a información@axober.org.