O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, visitou este sábado o parque natural das Dunas de Corrubedo, dende onde lanzou unha mensaxe “ecoloxista” e de “compromiso co medio” coa vista posta na necesaria loita contra o cambio climático. Dende alí subliñou que, a Xunta merece “un suspenso” en política medioambiental, e chamou a “defender o dereito ao futuro das seguintes xeracións” apostando por unha lei galega contra o cambio climático, como fan a maioría de comunidades, que sitúe a Galicia como unha “referencia” neste eido.
“Temos que enfrontar os retos do cambio climático e coidar o noso medio natural”, incidiu Gonzalo Caballero, antes de criticar que a Xunta estea deixando “rezagada” a Galicia no que atinxe a esta cuestión ao non comprometerse coa declaración de emerxencia climática e ao non desenvolver políticas de defensa do medio. A xeito de mostra, o dirixente socialista detallou que só tres das 72 especies en perigo de extinción contan en Galicia co plan de recuperación que esixe a lei, mentres que ningunha das 126 especies en situación vulnerable teñen aprobada unha estratexia de conservación ou protección.