O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, amosou o seu apoio en nome de todo o partido a quen ata este venres foi alcalde de Malpica, Walter Pardo, ante unha moción de censura “escurantista” por parte do PP co apoio dun concelleiro non adscrito.
“O único interese do PP é acceder ao poder a costa do que sexa”, denunciou o líder socialista, consciente de que Walter Pardo abriu “unha etapa de avance e progreso” na súa vila nos seus dous anos e medio de mandato municipal.
“Foi, é e será un alcalde de referencia”, engadiu Gonzalo Caballero, co convencemento de que as vindeiras municipais devolverán a alcaldía ao Partido Socialista. “Porque Malpica necesita un goberno de progreso e dignidade”, apostilou.
Antes de dar por feito que “a veciñanza de Malpica non vai consentir este tipo de manobras”, o máximo responsable do PSdeG asegurou que “nós seguiremos a carón dos malpicáns e das malpicás e atendendo as súas necesidades”.
Sobre todo, como sinalou Gonzalo Caballero, porque “o PP non ten proxecto para Malpica”, senón unicamente “unha suma de intereses que non teñen a Malpica no centro das súas prioridades”.
En cambio, afondou, Walter Pardo “é o alcalde que Malpica necesita”, como amosou neste tempo “sempre preocupado polos servizos e infraestruturas que necesitan a vila e a bisbarra”, así como na súa defensa dos sectores produtivos, fundamentalmente a pesca e o marisqueo.