Gonzalo Caballero apelou en Camariñas ao voto útil para “dar un cambio a Galicia”

Foto.- nhdiario

O candidato socialista á Presidencia da Xunta, Gonzalo Caballero, estivo este sábado na Costa da Morte, desde Ponteceso ata Camariñas apelou ao voto útil dos progresistas o vindeiro día 12 para “dar un cambio a Galicia”.

Na vila do Encaixe, a alcaldesa de Camariñas, Sandra Ínsua, abriu o acto cun emotivo recordo ao exalcalde de Vimianzo e compañeiro socialista falecido este sábado, Alejandro Rodríguez. Tamén eloxiou o traballo que está a facer no veciño concello de Muxía outro socialista, “medio camariñán”, Iago Toba. Sandra Ínsua aseguroulle a Gonzalo Caballero que “vas ser o próximo presidente da Xunta” e puxo en valor que servirá para que a vila estea “presente”. As autonómicas serán as primeiras eleccións que se celebren despois da chegada do virus, un tempo durante o cal Feijóo abandonou aos concellos e á cidadanía. “Hai que votar polos que pensan na xente”, remarcou.

De seguido tomou a palabra Encarna Liñeiro, integrante da candidatura socialista pola provincia e da dirección do PSdeG, quen subliñou que “Camariñas necesita un presidente que sepa onde está a Costa da Morte”.

Interveu tamén Diego Taibo, deputado no Congreso, quen puxo en valor as medidas tomadas polo goberno presidido por Pedro Sánchez “para protexer á xente”. “Pero Feijóo non fixo nada”, resumiu, antes de pedir o voto para o PSdeG o día 12 para ter tamén na Xunta un presidente que pense nos galegos e nas galegas.

Ante unha Praza da Insuela ateigada de público, con estritas medidas de seguridade, pechou o acto Gonzalo Caballero, quen sinalou que haberá cambio, se “todos os que queren progreso en Galicia” e “todos aqueles que o ano pasado votaron polas forzas progresistas” nas municipais e nas xerais acuden a votar “para facer unha Galicia mellor: con máis emprego e con mellores servizos públicos, sen esquecer o rural e dándolle impulso ás cidades”.

“Só o PSdeG pode darlle a Galicia un goberno en conexión coa maioría de progreso, e fronte ao relato da dereita de que as eleccións están gañadas, a xente quere cambio en Galicia”, remarcou Gonzalo Caballero.

“Fronte á desmobilización e á inacción que quere o PP, nós temos ganas, ilusión, forza, mobilización e dinamismo porque somos o cambio posible e con garantías para Galicia”, enfatizou, antes de engadir que “non pode quedar na casa un só voto progresista”.

Sobre todo, como dixo, porque esa papeleta sirve para impulsar “un proxecto de futuro social que abra 2.000 prazas de maiores en residencias públicas e que convoque 5.000 prazas estables para profesionais sanitarias”.

Un proxecto, apostilou, “que aposte polas políticas sociais, de igualdade e de protección e que pase páxina de 11 anos sen política industrial nos que Galicia perdeu 70.000 postos de traballo”.

Ademais, Gonzalo Caballero agradeceu “o ben que me recibides sempre en Camariñas, estou como na casa” e o traballo posto en marcha por mulleres referentes do socialismo como Sandra Ínsua, ademais da labor dos alcaldes anteriores, como Pichurri e Bautista Santos, tamén presentes.