O candidato do PSdeG á presidencia da Xunta, Gonzalo Caballero, lembrou en Ames que se cumpre un ano da constitución dos concellos tralas pasadas eleccións municipais, nas que máis da metade dos galegos apostou por ter un alcalde ou alcaldesa socialista.
Por iso, aludiu a esa cita como “a antesala do cambio político en Galicia”, para ter un presidente da Xunta “en sintonía” co goberno de España e coa maioría dos concellos e deputacións de Galicia. Logo dese voto maioritario a favor dos alcaldes e alcaldesas socialistas, o 12X será “o segundo reto en clave galega”. “Para darlle a Galicia o mesmo progreso que está na maioría dos concellos, onde os socialistas somos referencia de progreso, fronte aos desastres do PP de Feijóo””, remachou.