O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, reivindicou este xoves, Día Nacional de Galicia, “o compromiso galeguista e socialista” dun partido que aspira a construír “un novo rexurdir” para a nosa terra dende “o feminismo, o compromiso ético e a igualdade”.
Á vista de que Feijóo nos deixa “unha Galicia con menos posibilidades de futuro”, como sinalou na súa intervención trala ofrenda floral a Castelao en Rianxo, o líder dos socialistas galegos sinalou que “temos valores e ideas” e prometeu “traballar para transformar esta realidade”.
Gonzalo Caballero fixo “un chamamento a toda a cidadanía” para formar parte “da nova maioría social” a través “dun galeguismo reformista e integrador no que todos cabemos”. “O PSdeG é a casa común do progresismo galeguista”, engadiu, para comprometer que o partido estará “á altura das circunstancias”.
“Non podemos defraudar aos galegos e ás galegas que nos están esperando, aos milleiros que están esperando un cambio político no país”, recalcou o secretario xeral do PSdeG, dirixíndose a quen queren “máis e mellor política en Galicia”.