O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, compareceu este luns en rolda de prensa para analizar a situación da fábrica de Endesa nas Pontes, nun contexto no que a loita contra o cambio climático obriga a reducir as emisións contaminantes seguindo a normativa nacional e internacional.
“Temos un compromiso coa transición ecolóxica e a redución de dióxido de carbono, pero á vez son necesarios mecanismos que permitan manter o emprego”, destacou o secretario xeral dos socialistas galegos.
Deste xeito, Gonzalo Caballero salientou a importancia de que a Xunta e o goberno de España fagan “esforzos de colaboración” para que Endesa “manteña a actividade en base a fontes enerxéticas alternativas, coa finalidade de evitar o peche e manter o emprego apelando aos principios da responsabilidade social corporativa da empresa”.
E coa vista posta en que “non hai futuro baseado no carbón” como fonte enerxética, o líder dos socialistas galegos advertiu de que non loitar contra a crise climática pode traer como consecuencia que “o noso clima acabe parecéndose máis ao de Andalucía”.