Gonzalo Caballero rematou a súa rolda de visitas aos gobernos das grandes cidades e ao presidente da Fegamp cun encontro cos presidentes das tres deputacións gobernadas polo PSdeG, no que participaron Valentín González Formoso –A Coruña-, José Tomé –Lugo- e Pontevedra –Carmela Silva-. A continuación desprazarase a Arxentina, onde manterá un encontro co presidente do país o próximo xoves, ademais de verse coa colectividade galega no exterior.
O líder do PSdeG puxo en valor a xestión dos socialistas nas deputacións provinciais fronte a un goberno galego “esgotado, no que nada se move e que non deixa avances para a cidadanía galega”. “Cando os galegos queiran pensar no futuro, que miren para as deputacións da Coruña, Pontevedra e Lugo, e non á de Ourense”, recalcou, consciente de que alí se amosa o que pode ocorrer en Galicia tralo 5A.
O candidato Gonzalo Caballero, criticou que Feijóo “se poña medallas falando de estabilidade cando é a estabilidade dos cemiterios, a dun proxecto esgotado no que nada se move e non hai avance para a cidadanía galega”. Fronte a isto, puxo como exemplo aos gobernos das deputacións socialistas que “suplen as deficiencias dunha Xunta que non chega ao territorio”.