Gonzalo Caballero comprométese en Muxía a sacar a Costa da Morte do «esquecemento de Feijóo»

Foto.- Cedida.

O candidato socialista á presidencia da Xunta, Gonzalo Caballero, comprometeuse este luns cos alcaldes e alcaldesas da Costa da Morte a “cumprir cunha comarca de referencia que foi esquecida durante 11 anos de goberno de Feijóo”. Así o dixo nun encontro con estes alcaldes e alcaldesas no Parador de Muxía, no que exerceu de anfitrión o rexedor da localidade, Iago Toba.

Caballero citou a chegada hai un ano a 8 das 9 alcaldías da Costa da Morte como “a antesala do poder socialista en Galicia, que quere marcar unha nova etapa de progreso á fronte da Xunta” nas eleccións autonómicas do próximo 12X.

O líder do PSdeG defendeu a xestión dos socialistas galegos á fronte dos concellos sinalando que “o poder municipal de Galicia ten cor vermella, e os mellores alcaldes e alcaldesas de Galicia son socialistas”. A 4 semanas das próximas eleccións autonómicas emprazou a tódolos galegos e galegas “que votaron socialista para facer a Pedro Sánchez presidente do goberno” que “de novo acudan a exercer libremente o seu dereito ao voto”.

Caballero tamén sinalou, cando fai un ano da toma de posesión nos gobernos municipais, que hoxe están encabezadas por homes e mulleres socialistas 3 das 4 deputacións, 5 das 7 grandes cidades e máis de 100 concellos, entre os que se atopan 8 dos 9 da Costa da Morte, hoxe representados xunto a Caballero polos seus alcaldes e alcaldesas.

Saudou así aos rexedores de Corcubión, Vimianzo, Cee, Dumbría, Muxía, Camariñas, Carnota e Fisterra, sinalando a súa “magnífica tarefa de defender os intereses dos veciños nun momento tan complicado” como o confinamento, facendo “políticas sociais a pé de rúa e respondendo ás necesidades dos veciños”. Comprometeuse a “cumprir cunha comarca de referencia para toda Galicia pero que foi esquecida por 11 anos de goberno de Feijóo”.

Denunciou o desleixo do goberno galego cunha comarca que padece dos déficits sanitarios e educativos impostos polos recortes do goberno do PP, así como graves déficits de infraestruturas, incluíndo “a autovía a medio facer”.

Alcalde de Muxía

O alcalde de Muxía, Iago Toba, sinalou que os alcaldes e alcaldesas socialistas da Costa da Morte “teñen demostrado que traballamos unidos pola comarca” e sinalou que “seguiremos loitando pola veciñanza e por un presidente socialista que apoie as nosas demandas e os intereses” deste territorio. Salientou que durante a crise da covid “tivemos que demostrar que somos capaces de xestionar os problemas dos veciños e sacar adiante o día a día sen axuda” do goberno galego.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha