Gonzalo Caballero demanda a Feijóo que “volva das vacacións” para “gobernar e dar solucións”


Así o dixo na Deputación Permanente do Parlamento, na que o PP negou a comparecencia de Feijóo, que “prefire comparecer con Casado o próximo domingo para defender o ideario retrógrado do PP” e “non do que preocupa” á cidadanía, como a sanidade pública e a desescalada.

O líder dos socialistas galegos sinalou que “queremos estar xuntos fronte ao virus, pero dentro do estado de dereito”, lembrando así o dobre varapau xudicial que recibiu a Xunta no último tempo. Primeiro, recordou, o Tribunal Constitucional tivo que frear a Lei de Saúde e, este mesmo verán, o TSXG paralizou o “pasaporte covid” imposto polo goberno galego.

O secretario xeral do PSdeG incidiu na necesidade de que Feijóo “compareza, e sobre todo goberne”, logo de demostrar que “esqueceuse dos galegos e das galegas e amosouse fóra de xogo, escondido” en plena quinta onda da pandemia. “Merecemos algo mellor que o que fai este goberno”, resumiu.