Gonzalo Caballero, disposto a estudar un cambio de data electoral se así o fixasen as recomendacións sanitarias

1 minutes read

O secretario xeral do PSdeG-PSOE, Gonzalo Caballero, amosou a súa disposición a estudar un cambio na data electoral se se fixese con todas as garantías, se así o fixasen as recomendacións sanitarias dos órganos competentes e existise encaixe legal para facelo.

Son tres das condicións que, a xuízo do PSdeG, deben terse en conta, xunto coa necesidade de que todas as medidas se tomen por consenso.

Así o dixo logo de trasladar á totalidade de dirixentes e alcaldes do PSdeG a indicación de “traballar de forma colaborativa ao máximo nivel posible para garantir a defensa da saúde da cidadanía galega”.

Gonzalo Caballero asegurou a “man tendida en toda Galicia e a todas as administracións” para que o escenario de crise “afecte da menor maneira posible” a Galicia, situando a defensa da saúde pública como prioridade. Situou á saúde dos galegos e das galegas “por riba de calquera escenario, sen caer no alarmismo nin tampouco nas dinámicas da confusión”.