O secretario xeral do PSdeG, mantivo unha xuntanza con Alberto Varela, presidente da Fegamp, trala cal esixiu a Feijóo que dispoña “un fondo extraordinario” destinado aos concellos que se distribúa con criterios “obxectivos” e que sirva para financiar a loita contra a covid-19 dende o eido municipal.
“O que Feijóo pide ao goberno de España, el non o cumpre cos concellos”, sostivo o máximo dirixente do PSdeG, para comprometer que un goberno progresista na Xunta terá en conta as necesidades dos concellos e arbitrará un plan de acompañamento de 300 millóns de euros. “É hora da xestión e de tomar medidas”, sentenciou, e “nós queremos asumir ese compromiso”.
Pola súa banda, Alberto Varela indicou que os concellos “seguimos sen noticias” da Xunta para convocar a mesa para a reconstrución que a Fegamp requiriu por carta hai máis de dúas semanas.