Gonzalo Caballero: “Feijóo parece que ten medo a que fale a xente”

Cedida.

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, visitou este venres ás persoas que estiveron pechadas ao longo dos últimos meses para protestar contra a decisión de Feijóo de clausurar o paridoiro de Verín. Así, destacou a loita de “profesionais e cidadáns comprometidos”, ata o punto de que Verín converteuse na “referencia da loita en defensa da sanidade pública”.

Ao fío desa “mobilización clara e rotunda para frear un peche para o que alegaron criterios técnicos que eran políticos, e cos que acabarían pechando todos os paridoiros comarcais”, o líder dos socialistas galegos criticou o intento de Feijóo de “calar a voz da cidadanía” esixindo a retirada dos carteis contra o peche do paridoiro de Verín.

“Quere silenciar a liberdade de expresión en defensa da sanidade pública”, denunciou Gonzalo Caballero, consciente de que sen eses carteis e sen a mobilización manteríase o peche decretado pola Xunta. Por tanto, reclamou a Feijóo que “recúe tamén nese ataque”, porque “a cidadanía e os profesionais merecen poder defender o público dos seus recortes”.

“Parece que Feijóo ten miedo a que fale a xente”, recalcou o candidato socialista á Presidencia da Xunta, crítico con que “Feijóo só quere a publicidade institucional da Xunta e o control sistemático dos medios públicos”.