O voceiro do grupo parlamentario socialista, Gonzalo Caballero, fixo un chamamento á Xunta a empezar o ano 2022 “cunha nova política sanitaria” para facer fronte á “preocupante” evolución da pandemia en Galicia. Nun escenario de contaxios crecentes, reclamoulle ao goberno galego que tome medidas para fortalecer a sanidade pública e, de maneira específica, a atención primaria, que é “sobre a que descansa o seguimento e a resposta que lle damos a esta situación”.
Así, demandoulle ao goberno da Xunta “que inicie o ano reforzando ao persoal sanitario e volvendo incorporar ao sistema publico aos máis de 500 profesionais os que Feijóo lles rescindiu o contrato nos últimos meses”, afirmou Caballero. Neste contexto, o voceiro parlamentario lembrou ademais que “Galicia segue por debaixo da media de España no número de test que se fan a poboación” e que “o noso sistema de rastrexo segue a ser feble”.