Gonzalo Caballero lamenta que Feijóo «traballe por Casado e Ayuso» e non polos galegos

1 minutes read

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, lamentou que o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, «traballe por Casado e Ayuso», os seus compañeiros de partido, «e non polos galegos». Así se expresou o líder dos socialistas galegos á súa chegada á Praza do Obradoiro, tras percorrer durante a mañá deste sábado a última etapa do Camiño –desde o Monte do Gozo aos pés da Catedral–, un itinerario co que deu comezo a reunión interparlamentaria do partido.

Gonzalo Caballero contrastou a diferenza do modelo socialista co que se amosou no congreso do PP esta fin de semana.

“Hoxe temos un goberno progresista que apostou pola estratexia europea de vacinación e por un novo Plan Marshall que supón políticas expansivas de gasto público para facer fronte á crise, mentres o PP optou polos recortes e a austeridade na gran recesión”, comparou.

Ademais, Gonzalo Caballero aludiu ao “grande abrazo” entre Feijóo e Ayuso como unha mostra da “dereita rancia á que non lle gustan os avances sociais e as liberdades” e ata os recorre, coma no caso da lei de eutanasia.