- O secretario xeral do PSdeG mantivo este luns en Cee unha xuntanza cos alcaldes e alcaldesas socialistas da contorna para analizar “os 11 anos de abandono e fracaso de Feijóo”.
Gonzalo Caballero estivo acompañado na Casa da Cultura de Cee por Xoaquín Fernández Leiceaga, Pablo Arangüena e os alcaldes e alcaldesas da Costa da Morte. Alí afirmou que esta é unha zona “esquecida” por Feijóo, que lle volve “dar as costas” nos orzamentos para o vindeiro ano.
“Os socialistas sabemos que a Costa da Morte é unha asignatura pendente de Feijóo, e nós comprometémonos a converter as demandas dos seus concellos en prioridades cando haxa un goberno presidido polo PSdeG na Xunta”, asegurou Gonzalo Caballero.
Ao fío diso, o líder dos socialistas galegos criticou “os 11 anos de abandono e fracaso” que supuxo Feijóo para esta zona e garantiu que á Costa da Morte iralle ben cun goberno de progreso.
Sobre todo, profundou Gonzalo Caballero, á vista de que os orzamentos da Xunta non avanzan nas “débedas históricas” con esta zona, que segue sen inversións importantes para o seu desenvolvemento.
Así, referiu carencias en infraestruturas e no sistema de transporte colectivo, e afeou á Xunta que “parece que quere illar á Costa da Morte”; e problemas na política social. Os “recortes na sanidade pública” que afectan a toda Galicia son “unha evidencia” nesta bisbarra, o mesmo que ocorre coa falla de prazas públicas para persoas maiores.
A COSTA DA MORTE, “A GRAN ESQUECIDA” DE FEIJÓO
Pola súa banda, a alcaldesa de Cee, Margarita Lamela, lamentou que “a Costa da Morte é a gran esquecida” pola Xunta, que nin dotou orzamentariamente a variante ao Porto de Brens nin a conexión por autovía de Berdoias.
“Parece que se están rindo de nós”, corroborou o alcalde de Dumbría, José Manuel Pequeño, quen engadiu que a Xunta tampouco fixo “nin un metro” de sendas peonís nin se preocupa do estado de faros tan senlleiros como o do Cabo Vilán, o de Fisterra ou o de Touriñán.
No referente á industria, o rexedor de Dumbría reprobou que o goberno galego “se poña de perfil” no que atinxe a Ferroatlántica, a pesares da importancia dos seus postos de traballo para a comarca. Fronte a isto, nunha cita na que tamén estaban representantes municipais de Fisterra, Corcubión, Carnota, Camariñas e Vimianzo, Gonzalo Caballero puxo en valor o “traballo ben feito” polos socialistas nesta bisbarra e que se plasma nos resultados obtidos nas recentes convocatorias electorais.