O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, denunciou este luns as “impresentables represalias” iniciadas por Feijóo contra o xefe de Xinecoloxía do Hospital de Verín, que hai ano e medio saíu publicamente a defender o mantemento do paridoiro.
Caballero criticou unha “sanción política” contra o doutor Castrillo que vén de ditar o Sergas, e que considerou “unha farsa” que demostra “o peor da política revanchista e o abuso de poder” por parte do PP, un “intento de intimidación” de quen está a defender á sanidade pública e, en concreto, un servizo público fundamental para a comarca de Verín. Caballero reclamou “desterrar o revanchismo da práctica política” e que está a “amosar ao verdadeiro PP, o que deixan ver cando quitan a careta”.
Sinalou que “ano e medio despois de que Feijóo tivera que recuar e recoñecer as súas mentiras e argumentos falaces sobre a perda de pericia dos xinecólogos dos paridoiros comarcais como subterfuxio para recortar a sanidade pública, vemos a peor cara do PP e de Feijóo”. Caballero denunciou as “represalias contra un profesional da sanidade pública de longa traxectoria”, antes de trasladarlle “todo o ánimo e o apoio”.