Gonzalo Caballero ofrece un proxecto de goberno baseado no “diálogo e cooperación”

Cedida.

O candidato do PSdeG á presidencia da Xunta, Gonzalo Caballero, fixo un chamamento a “pasar páxina da política da tensión e da confrontación de Feijóo para abrir unha nova páxina de futuro coa política de cooperación e colaboración” que representan os socialistas galegos. Así o dixo nun encontro con alcaldes e alcaldesas da provincia de Pontevedra.

Abel Caballero foi o encargado de presentar ao candidato socialista, a quen lle trasladou o “entusiasmo” diante dun proceso político que abre a oportunidade de “concatenar tódolos vectores na mesma dirección por primeira vez na historia”.

Gonzalo Caballero apuntou que “necesitamos un goberno progresista á fronte da Xunta de Galicia para que os concellos teñan un aliado para traballar a favor dos veciños e das veciñas”.  Ofreceu un proxecto de goberno baseado no “diálogo e cooperación” que abra a vía a “compartir competencias e dotar de fondos aos concellos daquelas competencias que asumen e que non teñen adecuadamente financiadas”.