Gonzalo Caballero pedirá a creación de tres comisións sobre a covid-19


O PSdeG reuniu en Santiago a súa comisión interparlamentaria, a primeira tras as eleccións autonómicas, na que marcaron as prioridades con vistas ao novo curso político. Gonzalo Caballero asegurou “que van defender as políticas públicas que prioricen a protección das persoas”. O secretario xeral dos socialistas galegos destacou a necesidade de que haxa orzamentos para facer fronte á crise económica e sanitaria e indicou que propoñerán no Parlamento galego a creación de tres comisións de investigación relacionadas coa crise ocasionada pola pandemia. Gonzalo Caballero xustificou a primeira destas comisións, a de reconstrución, proposta polo PSdeG e confirmada por Feijóo, na necesidade de contribuír entre todas as forzas políticas a deseñar medidas que permitan que “ninguén quede atrás” na saída desta crise sanitaria, económica e social, así como de elaborar políticas de recuperación ao servizo do emprego e da cidadanía máis vulnerable.