Gonzalo Caballero pide apoiar aos galegos que viven no rural


O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, visitou unha explotación láctea en Lalín xunto ao voceiro socialista do municipio, Román Santalla, para avaliar as problemáticas do rural e do sector gandeiro. Alí recordoulle á Xunta que os prezos do leite en orixe en Galicia están “á cola de España”: “Hai que corrixir este lastre e impedir prezos por debaixo do custe de produción”. Ademais chamou a buscar “mecanismos de cooperación e de consenso” para acadar un equilibrio que evite a extinción do lobo e que protexa aos gandeiros fronte aos ataques destes animais. Ademais incidiu na necesidade de “buscar sinerxías” entre o sector gandeiro e as administracións para “poñer en mans dos gandeiros cartos cos que poder modernizar as súas explotacións e, polo tanto, que sexan máis competitivas e podan resistir”. Gonzalo Caballero chama á Xunta a “pasar das palabras aos feitos” para apoiar aos galegos que viven no rural: “Os fondos europeos deben servir para a cohesión territorial”, matizou.