- Desde o PSdeG sinalan que “non houbo cambio na lexislación vixente e non hai reforma en curso” en materia de costas
O secretario xeral do PSdeG-PSOE, Gonzalo Caballero, reclámalle ao PP que “deixe de enganar e xerar incerteza” e ratificou que “o goberno socialista defende ao sector marítimo pesqueiro de Galicia”. Así o dixo nun encontro co presidente da Fegamp e alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, no que puntualizou que “non houbo cambio na lexislación vixente e non hai reforma en curso” en materia de Costas.
O líder dos socialistas galegos denunciou que “ao longo de 2019, o PP fixo campaña irresponsable no sector marítimo pesqueiro para xerar incerteza e inseguridade nos actores relevantes, baseada en falacias e buscando confrontar co goberno socialista presidido por Pedro Sánchez”. Explicou tamén que “a lexislación vixente en materia de Costas baséase na Lei de Costas de 2013 e no Regulamento Xeral de Costas de 2014, ambos aprobados polo PP e o goberno de Mariano Rajoy e co respaldo de Feijóo”.
O responsable do PSdeG puntualizou que “o goberno actual, en materia de concesións e prórrogas, actúa conforme ao ditado pola lexislación aprobada durante o mandato do PP, e non houbo ningún cambio nin na Lei nin no Regulamento”. Agora, explicou, “o goberno progresista abriuse a dialogar e incorporar perspectivas que poidan mellorar a realidade actual, e os socialistas galegos defendemos que tanto a aplicación actual como desenvolvementos futuros se fagan sempre en consonancia coa nosa realidade marítimo-pesqueira e industrial”.
Caballero reclámalle ao PP “un mínimo de responsabilidade” diante das mocións que o PP presenta nos distintos concellos de Galicia de ámbito marítimo, coa intención de “confundir e alarmar”. Sinala que “a súa mentira en materia de Regulación de Costas xa chegou ao seu fin, e pinchou a burbulla do cinismo do PP para o sector do mar galego”.