O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, visitou este luns Ourense para presentar a candidatura socialista ás eleccións xerais do vindeiro 10 de novembro, un equipo que xa obtivo uns resultados “moi positivos” o 28 de abril e que está “fondamente comprometido” coa provincia.
En compañía dos candidatos e candidatas e do secretario provincial do PSOE en Ourense, Rafael Rodríguez Villarino, Gonzalo Caballero sinalou que é moito o que está en xogo o 10 de novembro: “o futuro da España e da Galicia que queremos”.
“Hai dous modelos distintos: o das dereitas botadas ao monte pola ultradereita e o de progreso, avance social e liberdades do PSOE”, resumiu o líder dos socialistas galegos, quen fixo fincapé en que “cada voto é fundamental” para non levar “o susto” de ver “a Abascal e a Casado no Consello de Ministros”.
“VOTO ÚTIL”
Finalmente, o secretario xeral do PSdeG aproveitou a visita a Ourense para facer un chamamento á participación. “Para non ter que laiarnos despois ten que haber unha mobilización masiva”, razonou.
Do mesmo xeito, apelou ao “voto útil para o avance social e o progreso” dun partido que “defende os dereitos das mulleres, dos pensionistas, dos traballadores…”.
E, tras anunciar unha campaña “a pé de país” percorrendo pobos e vilas, avanzou que o vindeiro domingo visitará a cidade a ministra de Educación e voceira do goberno socialista, Isabel Celáa.