O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, sinalou este sábado que a comisión executiva nacional do PSdeG abriu o proceso para iniciar a elaboración da ponencia de cara ao vindeiro Congreso Nacional Galego, que se celebrará antes de final de ano. O líder socialista explicou que galeguismo e federalismo, ecoloxismo, feminismo e compromiso de esquerdas serán as grandes liñas do PSdeG para “fortalecer e impulsar unha reactivación que priorice e chegue ás persoas”. Con este obxectivo, o líder socialista indicou que “imos poñer a toda a organización socialista a traballar nunha ponencia que recolla un proxecto nacional galego para conseguir sacar adiante o país pensando nas persoas, xerando emprego, defendendo os servizos públicos, buscando a igualdade e a cohesión social e modernizando a Galicia”. Caballero comprometeuse a “poñer toda a miña capacidade en darlle ao PSdeG ese impulso para ter un gran proxecto de país, porque sabemos que a dereita non é capaz de gobernar en tempos de reactivación pensando nas persoas e porque o nacionalismo estase mirando ao espello das vías independentistas en Cataluña en vez de pensar nos galegos e nas galegas”.
33