Gonzalo Caballero presenta unha candidatura unitaria en Pontevedra para o Congreso federal

1 minutes read
  • O alcalde de Vigo encabezará a lista de delegados provincial que pechará o líder dos socialistas galegos “para impulsar a fortaleza da delegación galega”.

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, anunciou que a provincia de Pontevedra presentará unha candidatura unitaria de delegados para o próximo Congreso Federal do PSOE que se celebrará en Valencia. O líder dos socialistas galegos pechará unha candidatura encabezada polo alcalde de Vigo e presidente da Femp, Abel Caballero.

Gonzalo Caballero reiterou a chamada á unidade para “apoiar o proxecto federal de Pedro Sánchez, para que siga marcando unha axenda progresista fronte aos retos da confrontación estéril e a irresponsabilidade da dereita e da ultradereita”.

Diante do alcalde de Vigo, da presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, o secretario provincial, David Regades, e o secretario local, Abel Losada, puxo á provincia de Pontevedra como “exemplo do que está funcionando ben”. Animou a “seguir avanzando” da man dun “goberno provincial que está en moi boas mans” e da “xestión en tantas boas alcaldías” ao longo da provincia.