Gonzalo Caballero promete “un novo tempo” para o rural

Cedida.

O candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta, Gonzalo Caballero, mantivo unha xuntanza coa plataforma Galicia Baleira, que aglutina 400 asociacións de veciños das provincias de Lugo e Ourense, para amosar o seu compromiso coa aposta polo medio rural. Nese encontro estiveron tamén a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, e os secretarios provinciais do PSOE en Lugo e Ourense, Patricia Otero e Rafael Rodríguez Villarino, respectivamente.

Coa necesidade de frear o despoboamento en mente, o líder socialista lamentou que os 11 anos de Feijóo “deixan unha Galicia sen vertebración territorial”, posto que o PP “esqueceuse de conectar co impulso urbano e de respaldar ao rural”. “Non podemos ter unha Galicia de dúas velocidades”, recalcou, consciente de que no interior fan falla servizos públicos e emprego.

Pola súa banda, Gonzalo Caballero prometeu “un novo tempo” tamén para o rural, cunha aposta pola educación pública, a sanidade pública e a atención aos maiores combinada cunha política económica e de vertebración do territorio que poña “a prioridade nas persoas”.