Gonzalo Caballero propón á Xunta “un gran pacto por unha Galicia plenamente dixital”


O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, mantivo unha xuntanza de traballo co alcalde da Baña, José Antonio Pereira, para abordar as necesidades do concello do interior coruñés e poñer en valor “a magnífica tarefa” que está levando a cabo. Por iso, chamou á Xunta a “comprometerse” con esta vila atendendo ás cuestións pendentes, como a necesidade de contar cun pediatra “a pleno funcionamento” ou de mellorar a estrada AC-546, que conecta a contorna da Baña con Santiago e a Costa da Morte.

En paralelo, o líder dos socialistas galegos subliñou a importancia da “dixitalización” de Galicia, fundamentalmente no eido rural, e por ese motivo propuxo á Xunta “un gran pacto por unha Galicia plenamente dixital e de futuro” nun contexto no que boa parte do territorio non ten acceso nin a redes de 30 megas. “Necesitamos fondos e compromisos cribles, porque a fenda dixital non é asumible”, recalcou, consciente de que seguimos “á cola de España” neste ámbito. Caballero incidiu en que “cada galego ou galega, independentemente de onde viva, ten dereito a ter unha conexión a internet en condicións, non podemos ter unha Galicia a dous niveis”, concluíu.