O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, reclamou este xoves que parte dos 10.000 millóns de euros de fondos que destinará o goberno de España ao reto demográfico “cheguen aos concellos galegos de menos de 5.000 habitantes”, algo que é “vital para o rural”. Así o dixo durante unha visita ao Concello de Ribas de Sil xunto co seu alcalde, o socialista Miguel Ángel Sotuela.
O líder dos socialistas galegos puxo o foco sobre esta “oportunidade histórica” para revitalizar o rural galego logo de 12 anos con Feijóo na Xunta, unha etapa na que “falar da Galicia rural foi falar do abandono, o esquecemento, o despoboamento e a falla de medidas”. Apuntou que “agora temos que reverter este déficit de políticas” do goberno galego, que realizou unha xestión “incapaz e insuficiente para o medio rural”.
Sinalou que “a recuperación soamente chegará a todo o territorio se poñemos o foco en axudar aos concellos pequenos e aos galegos e as galegas que viven nos lugares onde falta poboación”. Reivindicou así unha “folla de ruta comprometida coa xeración de emprego e servizos públicos en pé de igualdade entre os galegos do rural respecto da Galicia urbana”. Así, chamou a aproveitar estes fondos de recuperación para reforzar o emprendemento, mellorar os servizos públicos e conectar dixitalmente todo o territorio, ao tempo que apuntou ao turismo e á cultura como “medios de vida fundamentais da Galicia interior”.